Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta promove o turismo de natureza galego na XIX Edición da Feira Intur de Valladolid


Entre hoxe e o vindeiro domingo, Turismo de Galicia instalará un recinto institucional para a promoción turística de Galicia de 112 metros cadrados no recinto de exposicións da cidade castelá

Turismo de Galicia ten esta semana unha nova cita cunha das feiras de promoción e comercialización do ámbito turístico da natureza máis importante do calendario en España. Trátase da feira INTUR, que se celebra en Valladolid desde hoxe e ata o vindeiro domingo, día 29 de novembro, e que este ano celebra a súa XIX edición.

Turismo de Galicia instalou na capital castelá dentro deste certame turístico un stand de 112 metros cadrados para a promoción e apoio á comercialización dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, o deporte, a cultura e a gastronomía.

INTUR continúa a ser un dos referentes nacionais para a promoción turística interior. Entre o seu público conta con moitos clientes turísticos de Galicia e persoas interesadas pola oferta da Comunidade galega.

O público de INTUR síntese especialmente atraído polo Camiño de Santiago, os espazos naturais de Galicia, a costa e o turismo rural.

INTUR negocios
Paralelamente desenvolverase o programa INTUR negocios, unhas xornadas de comercialización reservadas aos profesionais do turismo. Este ano participarán arredor de cen compradores, con presenza de axentes internacionais. Nestas xornadas participarán empresarios membros do Clúster Turismo de Galicia.

Segundo mercado nacional
Castela e León é un dos principais mercados nacionais da nosa comunidade. Con 186.000 viaxeiros e 420.000 pernoitas nos hoteis e pensións de Galicia, sitúase como o segundo mercado en orde de importancia logo de Madrid.

Nestes primeiros dez meses de 2015 o mercado de Castela e León incrementouse nun 5,5% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Así mesmo, no ámbito do Camiño de Santiago rexistráronse neste ano, ata o mes de outubro, un total de 7.174 Compostelas de peregrinos procedentes de Castela e León.